OS CAPITANS ABELLA DE CORCUBIÓN E OS SEUS NAUFRAXIOS


Nunha entrega anterior informamos da orixe e das embarcacións mercantes do veciño e armador de Corcubión Antonio Abella Balado. Con este novo artigo queremos lembrar a tres dos seus fillos, que foron capitáns dos mares de Europa e América. Dos 10 fillos que tiveron Antonio Abella e a súa dona Rosa Rodríguez Santillana, tres comandaron barcos tanto da casa como de terceiros. Estamos a falar de Vicente,  Manuel e José Antonio Abella Rodríguez. Amáis, outras dúas das súas fillas casaron con capitáns. Dolores casou con Ramón Rivas González e Encarnación con Antonio García Canosa.

Vicente Antonio Abella Rodríguez , o fillo máis vello de Antonio e Rosa, naceu en Corcubión en 1827, foi o primeiro compoñente da familia Abella que acadou o titulo de piloto. Con 24 anos xa exercía de capitán do “Ancares”. Isto sabémolo por un documento de protesta de mar outorgado en Corcubión polo novo capitán o 5 de novembro de 1851. Este bergantín saíra de Liverpool con destino a Barcelona con cargamento de fardería y otros géneros pero, ao pasar por Fisterra, tivo unha suposta vía de auga que lle obrigou a facer unha arribada forzosa na súa vila natal. Dáse a circunstancia de que no buque ía embarcado outro fillo do armador, Manuel. Segundo consta no documento exercía como “agregado a piloto”, que viña a significar piloto en prácticas. A este documento de protesta seguíronlle outros, nos seguintes anos, nos que o capitán seguía a ser Vicente Abella, e o inicio das súas travesías Liverpool, Londres ou La Habana. O punto de destino era preferentemente Barcelona, aínda que hai constancia de viaxes a Matanzas, na illa de Cuba, e varios portos do Reino Unido. Dende 1857 o capitán do Ancares foi o veciño de Cee Antonio López Vaamonde. O capitán Vicente Abella, a primeiros dos anos sesenta, logo de deixar o mando do “Ancares” comezou a comandar outra embarcación da casa armadora familiar, o bergantín “Unión”.

O seguinte  capitán da mercante desta familia foi Manuel Antonio Abella Rodríguez, nado en Corcubión en 1835. Con apenas 16 anos xa estaba navegando co seu irmán Vicente a bordo do bergantín “Ancares”, e con 21 xa comandaba outro barco do seu pai, o bergantín “Sagitario”. Por un documento de protesta, outorgado o 5 de abril de 1856 en Corcubión, sabemos que Manuel Abella, ao mando deste bergantín, saíu da Habana con destino a Hamburgo con cargamento de tabaco, azucre e mel. A este documento de protesta seguíronlle outros capitaneando este buque nos anos seguintes, facendo viaxes entre portos da illa de Cuba e do norte de Europa e o Mediterráneo. Cómpre destacar que entre 1860 y 1864  fixo con este barco varias viaxes a diferentes portos de Noruega para cargar bacallau e levalo a Bilbao.

Bergantín Nueva Unión imaxe xentileza da familia Abella

Manuel e o bergantín “Sagitario” naufragaron en decembro de 1864 cando realizaban unha viaxe de Bilbao a La Habana cun cargamento de fariña, tras loitar contra unhas duras condicións de mar e vento. O piloto no momento do sinistro era o seu cuñado Ramón Rivas. Da declaración do capitán da fragata francesa “Marie Elise”, Mr. Renier, no expediente instruído polo seu naufraxio que se atopa no Arquivo da Mariña “Alvaro de Bazán”, destacamos o seguinte:“El 22 de diciembre de 1864 a las nueve de la mañana, estando por 33º 5´ latitud norte 23º 45´ longitud, apercibí contra el viento a pequeña distancia un buque entre dos aguas en el más triste estado, no teniendo más que su palo menor de trinquete, al cual se hallaban agarrados algunos hombres que hacían señales angustiosas. Yo envié enseguida mi bote para salvarlos y volvió con seis hombres: el capitán, el segundo, tres marineros y un pasajero, que sobrevivieron únicamente de los doce que iban a bordo. Los otros seis habían sido arrebatados por el mar. Unha vez a bordo do buque, foron colmados de atencións, e malia que o destino do barco francés era Bos Aires o capitán desviou o seu rumbo cara o Senegal, onde foron desembarcados. O armador do barco renunciou a calquera indemnización pola manutención dos náufragos e polos demais gastos ocasionados polo desvío do mesmo. Ao capitán, polo seu humanitario comportamento, por Real Orden de 15 de setembro de 1866, foille concedida unha medalla de honra de ouro.

Manuel, malia a súa dramática experiencia, volveu ao mar pasados uns anos. Sabémolo por outro documento de protesta, esta vez outorgado na cidade de Bilbao en 1868. Nel consta que exercía como capitán dun bergantín chamado “Chomin”, da matrícula de Bilbao, onde entrou con carga de bacallau tomada na cidade norueguesa de Bergen.

O terceiro dos fillos de Antonio Abella que tamén foi capitán da mercante era José Antonio Abella Rodríguez, nado en Corcubión no ano 1847. En 1868, con 21 anos, xa tiña o título de piloto 3º de América e comandaba o bergantín da casa armadora familiar “Nueva Unión”. Novamente a información ven dun documento de protesta outorgado en Corcubión. O 18 de setembro dese ano arribou coa súa embarcación, cando con carga xeral ía de Hamburgo a Cienfuegos, na illa de Cuba. Outro documento de protesta moi interesante foi o que outorgou (o propio José Antonio) o 23 de xullo de 1872 na súa vila de Corcubión. Nel daba conta dun suceso que quizais lle salvou a vida, xa que meses despois o Nueva Unión naufragou morrendo toda a tripulación. Este bergantín saíra de Amberes en dirección á Habana baixo o seu mando, sendo piloto o veciño de Bermeo Victoriano de Olaldi. No documento relátase que, antes de chegar a Fisterra cando levaba todo o aparello largo, unha racha de vento do noroeste fixo que o buque zozobrase, meténdose o costado de babor ata a escotilla, polo que tiveron que picar drizas e escotas, facendo a embarcación abundante auga. Cando foron quen de estabilizar o barco o capitán empezou a atoparse mal, cun forte dor na testa e febre que lle impediu saír da cámara por non poder permanecer de pe, nin falar. Con tal motivo, ao pasar por diante da súa vila o capitán Abella abandonou o buque substituíndoo o piloto. 

O bergantín goleta “Nueva Unión”, naufragou no ano 1873 na entrada de Santander, nuns baixos que se chaman as Quebrantas, cando realizaba unha viaxe dende Corcubión a Santander. Era moi frecuente ver este buque no porto de Santander, dende o que iniciaba viaxes a Cuba e a diferentes portos do norte de Europa. Existe constancia documental dunha estancia en Hamburgo, no mes de setembro de 1867, onde tiveron que realizarlle diversas reparacións para poder seguir navegando tras sufrir un forte temporal. O seu naufraxio, ocorrido a media tarde do 2 de novembro de 1873, tivo que causar un gran impacto tanto na contorna de Corcubión como na propia vila de Santander, xa que á vista de moitos veciños morreron os oito tripulantes do bergantín así como outros sete mariñeiros que acudiron no seu auxilio. Entre os mariñeiros afogados estaba o veciño de Muros Antonio Lojo Abella, fillo  do mestre carpinteiro Manuel Lojo e de María Abella, a súa vez filla de Antonio Abella e Rosa Rodríguez, a armadora neses momentos do Nueva Unión. Non sabemos quen era o capitán da embarcación no momento do sinistro, xa que  nada aparece ao respecto nas crónicas da época e nos libros sacramentais de defuntos de Corcubión e da súa contorna. Como mencionamos anteriormente, ata uns meses antes fora José Antonio Abella Rodríguez, que no verán anterior ao sinistro tivo que abandonar o seu barco por enfermidade, pero a este ségueselle a pista a partir de 1876 como capitán doutro bergantín. Con 28 anos era o capitán do bergantín de 253 toneladas “Luisa”, da matrícula de Huelva, co que volveu a facer varias viaxes entre a península e Cuba.

O naufraxio do bergantín “Nueva Unión” trouxo dúas consecuencias: a primeira e máis inmediata, a desaparición da casa armadora Abella de Corcubión. A segunda e máis importante foi que este dramático suceso dou pe a creación en Santander da primeira asociación de salvamento de náufragos no noso país de carácter voluntario e humanitario, antecedente da Sociedade Española de Salvamento de Náufragos.

Sirvan estes artigos para lembrar a esta importante familia de armadores e capitáns de Corcubión que se adicaron ao tráfico comercial entre diferentes portos nacionais con outros do norte de Europa e América, facendo da súa vila unha referencia na materia. Era frecuente ver naqueles tempos algún destes barcos en portos de Noruega, como Haugesund, Aalesund, Cristiansund, ou Torshavn, cargando bacallau para la península, ou en portos de Alemania e Inglaterra, sobre todo Liverpool, , tomando ao seu bordo todo tipo de mercadorías, con destino a Cuba. Ben podemos imaxinarnos  un fermoso veleiro, con todo o seu trapo despregado, levando orgulloso na súa popa a palabra “CORCUBIÓN”.

 

En Corcubión e Esteiro a 21 de marzo de 2021

Aquiles Garea e Santiago Llovo.

Comentarios

Entradas populares