A MALA FORTUNA DOS CAPITÁNS AGRAMUNT FIGUEROA


A MALA FORTUNA DOS CAPITÁNS AGRAMUNT FIGUEROA

 A historia da navegación esta chea de sagas familiares que en distintas épocas tiveron relevancia nos seus portos, neste caso imos falar de unha saga de comerciantes, fomentadores e capitans orixinarios de Valencia e asentados en primeiro lugar en Fisterra e mais tarde en Corcubión, imos a falar dos Agramunt. 

A finais do seculo XVIII un mariñeiro e fomentador oriundo de Vinaroz chamado Joaquín Agramunt, na compaña da sua dona Teresa Fornell e o seu único fillo tamén chamado Joaquín, establecen a sua residencia na vila de Fisterra. 

Tras establecer a sua residencia en Fisterra Joaquín comenzou a sua andaina como comerciante e armador. No ano 1797 formaliza un prestamo de 1.550 reales de vellón con matriculados e traballadores de Fisterra que eran propietarios dun cerco real, coa obriga de devolución do préstamo en sardiña da colleita de dito ano. Catro anos despois deste primeiro préstamo, asina outro cos mesmos traballadores por un importe de 2.100 reales. No ano 1798 era propietario de unha pinaza adicada o tráfico e comercio, de nome “San Joséf y Ánimas”, ainda que o goberno da mesma encomendoullo nun primeiro momento a Domingo Dos Santos, e tralo falecemento deste  nomeou para o mesmo cargo a Josef de Traba, ambos veciños de Fisterra. 

Tras unha intensa vida adicada o comercio e a navegación  faleceu no ano 1804 en Fisterra, sendo soterrado na igrexa de Santa María. 

O seu único fillo Joaquín casou con Mariana Oliver Plasís, filla do tamén fomentador de orixé valenciano Quirce Oliver e Josefa Plasís con residencia na vila de Corcubión, ca que tivo tres fillos que naceron en Fisterra Josef, Quirce (Quirico), e Joaquina.  

O 27 de xaneiro do ano 1800 atopámolo ó  mando da Pinaza  “San Joséf y Animas”, que fora armada para exercer o corso contra os inimigos da Coroa, por Pedro Díaz Porrúa e Juan Antonio Sánchez veciños de Cee, Joaquín Domínguez e Antonio Leira e Castro veciños de Corcubión. Uns meses despois toma o mando doutro dos buques corsarios baseados na zona, o “La Vengaza alias la Barquitón” que fora armada para ditos menesteres por Antonio de Leira e Castro, con esta embarcación capturaría a galeota austriaca “La Federica”. 

No ano 1801 era o Procurador Síndico Xeral de Fisterra e no 1804 atopámolo exercendo o cargo de alcalde da vila, xestionando ademáis o ramo de licores da Vila de Corcubión.  

No ano 1805, un ano despois do falecemento do pai, Joaquín en sociedade co fomentador Antonio Serracant, veciño de Ferrol,  construen no lugar de San Roque (Praia de Lagosteira) unha fábrica de salga e mercan tamén un almacen en Corcubión situado no campo da Roda, no cal vivira Diego de Obregón o que fora Subdelegado de Marina do Distrito de Corcubión. 

No ano 1810 fai un prestamo a gruesa por importe de 16.000 reales de vellón a Pioquinto Rodríguez para a reconstrucción e composición dun  quechemarín. 

No ano 1812 é armador xunto con Antonio Serracant do Quechemarín “Santo Cristo e Ánimas”. 

A sociedade con este mantívose ata o ano 1812, quedando desde dita data Antonio ca salgadura de Fisterra e Joaquín ca casa almacen de Corcubión, a que trasladou a súa residencia.  Parece ser que o seu traslado a Corcubión foi por mor do seu estado de saúde, que non debía ser de todo boa, xa que dous anos despois de establecerse en Corcubión, o 19 de Decembro de 1814 faleceu na vila de San Marcos onde foi soterrado. 

Dos tres fillos de Joaquín imos centrarnos en Quirico Agramunt, que foi o que continuou a saga mariñeira da familia. Quirico casou en primeiras nuncias ca veciña de Fisterra Josefa Lago Marcote e tralo seu falecemento casou de novo con Josefa Figueroa e Carantoña, ca que tivo catro fillos, Manuel, José (Os dous foron Capitáns e Piloto Mercantes), Adelaida (ama de casa) e Laureana (tamén ama de casa e casada co piloto mercante José Fernández Monterroso). 

Da traxectoria de Quirico descoñezco como lle foron os negocios, pero non deberon irlle moi ben, xa que o 28 de Agosto de 1857 atopámolo enrolado de mariñeiro na Goleta “Que Dirán de Mí”, que facía unha arribada en Corcubión no transcurso dunha viaxe de Alesund (Noruega) a Barcelona con carga de bacalao. Nesa época o seu fillo Manuel xa exercía como capitán e o seu fillo José xa era terceiro piloto dos mares de Europa. 

Dos seus fillos, Manuel orientou a sua carreira ó mundo da navegación cursando estudos para poder exercer o mando de buques veleiros. Entre outras embarcacions mandou o Diate “Ceferino” de Juan de Lema e o Bergantín Goleta “San Manuel” do notario Francisco López Recamán. 

Según consta en varios documentos notariais no ano 1856 atopábase xa ó mando do “San Manuel”, co cal fixo varias arribadas ó porto de Corcubión, a última delas no ano 1858. Esta arribada comezaría no mes de outubro no transcurso de unha viaxe de Sevilla a Burdeos e non remataría ata o mes de febreiro de 1859. No tempo transcurrido entre as duas datas sucedéronse unha serie de acontecementos que acabarían ca embarcación maltreita e fondeada en Corcubión tras estar a punto de perderse na praia de Sardiñeiro. Manuel Agramunt sería encarcelado en Corcubión o 23 de abril de 1860, tras ser denunciado polo armador Francisco López Recamán, por mor das deudas contraidas no tempo que estivo ó mando (en Sevilla solicitara unha póliza a gruesa por valor de 12.870 reales de vellón con vencemento 24 horas despois da chegada o porto de destino, a segunda fora solicitada na súa estadia en Corcubión e por valor de 6.022 reales de vellón para facer fronte a averías sufridas no transcurso da sua viaxe e os intentos que fixo por retomalo). 

En outubro dese ano ainda se atopaba preso e á espera de xuicio, a súa saúde non era moi boa ao igual que a súa  economía. Para poder saír do cárcere aduciu o seu delicado estado de saúde máis a condición de notoriamente pobre, sendo afianzado para poder saír do seu encerro polo veciño de San Vicente-Vimianzo, Juan Rodríguez o cal se comprometeu a responder no seu nome. Tras elo trasladouse a unha vivenda en Corcubión para repoñerse dos seus males. (Suponse que se retirou a vivenda da súa nai, sita na actual praza de Castelao). 

Tras rematar a causa aberta contra a súa persoa e xa reposto dos seus problemas de saúde, retomou a súa carreira como capitán, a cal continuaría ata o ano 1874 en que falece afogado en Liverpool tras caer o mar cando descargaban o barco que nesa data mandaba.

Seu irmán José tamen dende moi novo veu no mar o seu futuro e como antes fixera Manuel comenzou a estudar para exercer o mando de buques a vela. No ano 1856 xa tiña o título de Terceiro Piloto dos Mares de Europa(1), ano no que xa o atopamos o mando do pailebot “Terrestre” do armador Alonso Piñeiro, dous anos despois entra de arribada en Corcubión ó mando de outro pailebote, ó “Ferrero” da matrícula da Pobra do Caramiñal, facía viaxe de dito porto o de Barcelona con carga de sardiña, no ano 1861 tomou o mando dunha embarcación de maior porte, o diate “Ceferino” do armador de Corcubión Juan de Lema. 

Tras capitanear embarcacions doutros, decide facerse tamén armador, e no ano 1866 adquire a María Correa, viuva de Antonio Marquez, veciños de Muxia o bergantín goleta “Nuestra Señora del Rosario”. Un ano despois faise ca propiedade da polacra-goleta “No me Olvides”, a cal se perde  por naufraxio no ano 1868 no porto de Málaga, mais non tardaría muito tempo e retomar a súa actividad como armador e faise ca propiedade de unha goleta chamada  “Flor de la Mar”, ó mando da cal o temos ata o ano 1874 en que adquire o Bergantín-Goleta “Liberto”. 


Encontro entre o bergantín goleta "VENUS" e o "LIBERTO"

Esta sería a súa última embarcación xa que o 26 de decembro 1876 no transcurso dunha viaxe dende o porto de Torrevieja a portos do Cantábrico con carga de Sal, cando se atopaban a altura do cabo de Gata, a tripulación o mando dun dos mariñeiros chamado Domingo Luzarraga amotinouse contra el baixo o pretesto de que lle escatimaba a galleta(2) e aproveitando que se atopaba descansando no seu camarote. Na liorta foi ferido de gravedade por un disparo na cabeza, mais ainda consegiu reducir a tripulación encerrando a parte dos amotinados no rancho de proa ca axuda de dous dos amotinados que se arrepentiran, tralo cal retomou o mando e consegeu entrar no porto de Almería na mañan do 27 de decembro, donde foi auxiliado polas Autoridades de Mariña que puxeron a recaudo os amotinados, sendo Agramunt trasladado o hospital de Santa María Magdalena onde faleceria o día 5 de xaneiro de 1877. Trala sua morte a tripulación sería procesada e condenada de maneira exemplar a pena de morte, que foi cumplida no ano …… en dita cidade. Na honra do malogrado Agramunt a Asociación de Navieiros Catalans decideu poñerlle o seu nome a unha das suas embarcacións. 

Manuel e José tralo falecemento do seu pai eran o sustento da súa nai Josefa, ca cal vivía tamén a sua irmá e o fillo desta, Marcelino Fernández Agramunt, fruto do matrimonio co piloto José Fernandez Monterroso. Tras o falecemento dos seus tios, Marcelino converteuse no seu protector e facilitador de ingresos, xa que súa nai atopábase enaxenada mentalmente e o seu pai falecera. Pero como as penas nunca veñen soas no ano 1882 Marcelino estando embarcado como piloto no Bergantín Goleta “Tomasita”, o 25 de decembro no transcurso dunha viaxe de Camariñas a Cardíff, tras verse envolta a embarcación nunha tormenta foi a dar a costa nas proximidades do faro de La Courbe (Francia),  perdéndose totalmente, e falecendo el e dous mariñeiros. 



Faro de La Courbe

Trala súa morte, Josefa Figueroa Carantoña quedou totalmente desamparada e sen ningún tipo de sustento, e no ano 1884 contando xa con 78 anos, alegando a morte do seu fillo José tralo motín do Liberto, facendo referencia á anterior perda do seu primoxénito e pra rematar a do seu neto Marcelino, e véndose pribada dunha fonte de ingresos e ter a cargo a súa filla enaxenada mental, solicitou como pobre de solemnidade a concesión dunha pensión ca que facer fronte os seus derradeiros días de existencia. 

Triste fin dunha familia que chegou a gozar de unha boa situación económica e que rematou na pobreza, o que pon de manifesto que na época da navegación á vela os armadores vianse expostos a grandes perigos e riscos que en moitos casos supoñían a súa ruina. 

En Corcubión 4 de marzo de 2024

 


(1) Os aspirantes ó título de Piloto tiñan que facer tres cursos e tras aprobalos tiñan que facer duas viaxes en calidade de agregado, no caso de superar ese período, co  certificado do capitán y do comandante do porto a onde se dirixían, tras superar un examen técnico na  capital do departamento dabaselle o título de Tercer Piloto.

(2) A galleta de mar e un tipo de pan de pequeno tamaño  endurecese con un doble horneado. Este metodo de conservación desenrolouse para as longas travesías marítimas.


 Fontes: 

A salga na Fin do Camiño. Santiago Llovo Taboada.

Contra el mar y el viento. Santiago Llovo Taboada

Arquivo Historico Universidad Santiago de Compostela. Protocolos Notariales de Corcubión. Notario  Joséf Manso de Lobera.

Arquivo Historico Universidad Santiago de Compostela. Protocolos Notariales de Corcubión. Notario  Francisco López Recaman.

Blog historiasdebarcosyveleros.blogspot.com,  artigo El Bergantín Goleta “San  Manuel” y su accidentado viaje a Burdeos.

Blog historiasdebarcosyveleros.blogspot.com, artigo El Bravo Piloto José Agramúnt y Figueroa y el motín del Liberto.

Antigua Segunda Lista de Embarcaciones del Distrito Marítimo de Corcubión.

Archivo General de la Marina Alvaro de Bazán. Asuntos Personales. Indiferente. Relativo a instancia de Josefa Figueroa Carantoña en súplica de que se le conceda pensión por la muerte de su hijo Jose Agramunt ocurrido deliberadamente a bordo del Bergantín Goleta Liberto.




Comentarios

Entradas populares