PLACIDO CASTRO PIONEIRO NO CARBONEO A FLOTE NO ESTADO

 

Lonxe quedan os tempos en que a ría de Corcubión amencía ateigada de vapores mercantes carboneando nos pontóns ou esperando o seu turno para facelo. No porto ou na praia de Quenxe ó amencer bulían un feixe de xornaleiros e xornaleiras que embarcaban nas lanchas que os levarían cara os pontóns para comezar a súa longa e dura xornada laboral que non remataría ata que o vapor tivese cheo os seus depósitos.

Para saber como foi posíbel que a ría de Corcubión se convertese nun dos principais portos de carboneo do mundo, frecuentado pola gran maioría dos vapores que surcaban as rutas de navegación internacional próximas ás nosas costas, imos coñecer a persoa que o fixo posible.

Plácido Castro Rivas

Esta persoa foi Plácido Castro Rivas, nado en Fisterra o 27 de xullo de 1858, fillo de Manuel Castro Olveira e Ramona Rivas, comerciantes de dito pobo. A idade de 16 anos foi autorizado polos seus pais para emigrar a ultramar onde se iniciaría no mundo dos negocios. Tras retornar da emigración para cumplir o servicio militar foi redimido do mesmo polos seus pais en contra da súa vontade no ano 1880. No ano 1885, asentado xa en Corcubión exerce como secretario do concello á vez que desenrola diversos negocios, estando xa nesa época casado ca corcubionesa Eufrasia del Río Recamán, pertencente a unha familia de fomentadores, comerciantes e armadores.


No ano 1887 contrata con pescadores de Fisterra o suministro de polvo curado, á vez que pon en marcha un frutífero negocio de compra e venda de langosta, contando para ditas operacións con una flota de balandros, galeóns e gamelas. Para manter vivo o suculento manxar ata a sua venta, que maiormente era feita a empresarios franceses, solicita autorización para instalar viveiros en Sardiñeiro, Muxía e Lira, chegando a ter viveiros en San Sebastián e una cetárea en Roscoff (Francia). Así mesmo tivo intereses no mundo bancario sendo no ano 1890 o arrendatario de consumos da vila de Cee.

Todos estes negocios proporcionarianlle o capital necesario para poder comezar a súa andaina no mundo do carboneo.

O primeiro paso que dou para poder levar a cabo a súa iniciativa, foi conseguir que no ano 1890 se establecese no porto de Corcubión unha Dirección Especial de Sanidad, indispensábel para a escala de buques extranxeiros.

No ano 1891 consegiu que se ampliase a habilitación da Aduana de Corcubión para poder importar carbón estranxeiro, a existente ata ese momento era a Subalterna de Facenda e a súas facultades estaban dirixidas ó tráfico de cabotaxe, e sin esa ampliación o negocio que pretendía poñer en funcionamento non sería posible.

Sin embargo ó ser aprobada esta habilitación surxiu un inconvinte que tuvo que solventar facéndolle frente con diñeiro do seu peto. Para súa posta en funcionamento era necesario dotala dun empregado pericial con un soldo anual de 1.500 pesetas, mais nos presupostos xerais do estado non existía partida para cubrilo polo que en principio comprometíase a facerse cargo do salario do empregado durante seis meses; pero como se saben as cousas de palacio van despacio e dito salario non foi consignado nos presupostos ata o ano 1899, no que a suma adebedada xa ascendía a 12.750 pesetas. Nese ano procedeu a facer a reclamación correspondente dos salarios adiantados, e a sorpresa foi maior cando recibiu a resposta de que xa transcurrira o prazo de reclamación e non poderían facerllos efectivos; así mesmo tiña que facilitar un local no que instalar a nova aduana (dito local estaba situado no centro do pobo na actual praza de Castelao nun baixo dunha vivenda situada o carón da súa residencia).


O Primer Pontón "Julia de Amiel"

No ano 1893 tras pasar súa solicitude os trámites pertinentes concedéuselle a autorización para instalar un depósito flotante de carbón que foi fondeado fronte a praia de Quenxe e posteriormente sería complementado con seis grandes gabarras que se atopaban fondeadas entre a punta do antigo cemiterio (Punta Suaviña) e a punta norte da praia de Quenxe. A primeira embarcación que foi empregada como depósito de carbón foi a antiga barca de casco de aceiro “Julia de Amiel”, que no mes de febreiro de 1894 se atopaba fondeada na ría de Vigo e inservíbel para a navegación tras ser rescatada en alta mar por un vapor inglés cando realizaba viaxe dende a Habana a Hamburgo. Pertencía nesa data a Ignacio Amiel e Miñot, veciño de Bilbao ao que lla mercou en unión con Dámaso Parrado de Vilagarcía na suma de 17.500 pesetas, mais o desplazamento da mesma 382.29 toneladas non era suficiente para almacenar a cantidade de carbón necesaria para atender a demanda que xa comenzaba a ter o seu negocio, e axiña se lle buscou relevo, adquirindo a antigua barca “Burdeos” de 1.162 toneladas que pasou a ocupar o seu fondeo.

Durante esta primeira época o carbón estranxeiro que entraba nos pontóns tiña que aboar aranceis de entrada no país que supoñían catro pesetas con setenta e cinco céntimos por tonelada o cal era una desventaxa fronte os depósitos de Xibraltar ou Arxel.

Mais isto non supuxo inconvinte para o seu carácter loitador e emprendedor, e o seu seguinte paso foi pelexar para que se conseguise a supresión dos aranceis ó carbón estranxeiro importado para a navegación, toda un carreira de fondo na que contou co apoio no Parlamento dos deputados Francisco Romero Robledo e Eduardo Vicenti, e tamén co do ministro de Facenda Raimundo Fernández Villaverde, ainda que na súa tramitación atoparíase con modificacions, suspensión de Cortes, crisis, cambios de goberno e finalmente a guerra contra Estados Unidos que conlevou que a súa proposta quedara gardada nun caixon e non vería a luz ata o mes de marzo de 1900 en que por Real Decreto publicado na Gaceta de Madrid núm 69 de 10 de marzo aprobouse a “Exención de Pagos de arancel a los carbones minerales y de cok de procedencia extranjera con destino exclusivo al aprovisionamiento de buques de vapor que hagan navegación de altura”.

Un logro de gran importancia e que non só foi no seu beneficio, xa que trala súa aprobación nos portos de todo o estado solicitáronse concesións que en moitos casos sobrepasaban a capacidade dos mesmos para acollelos.O seu traballo non contou co apoio de ningunha cámara de comercio, comerciante ou naviero, pero unha vez conseguida a súa aprobación foi aproveitado por todos eles.

Nese mesmo ano, e co fin de reforzar o seu negocio, fundou en unión con D. Adolfo Cadaval e Muñoz a Compañía de los Depósitos de Carbón del Cabo Finisterre, o cal supuxo un gran empurrón ó seu negocio e tamén levou a que as principais navieras europeas asinasen con el contrato de suministro de carbón, entre éstas temos: Morel Limited de Cardiff, Compañía Avilesina de Navegación, Aznar y Cia de Bilbao, Sota y Aznar de Bilbao, Knut Knutsen O.A.S. Haugesund, Evan Thomas Radcliffe & Cº Manchester, James Westoll Sunderland, Angelo Parodi Genova, Otto Thoresen Christiania, J. Lauritzen Esberjg, James Westoll, Dundee Gem Line S.S. Cº Limited, Cardiff S S.C. Limited, Compañía Sevillana de Navegación, Sigval Bergesen Stavanger, John Cory & Sons Cardiff, Societá Commerciale Italiana di Navegazione, Obstzee S.S. Cº limited Amsterdan, H. Schuldt Flensburg, Argo S.S.C. Limited Bremen.

Vista desde a praia da Viña

O carbón que era importado para o seu negocio procedía de Cardiff, sendo suministrado por Cory Brother Co Limited, un dos maiores productores e exportadores de carbón de Gran Bretaña, e á vez armadores, dos que era axente exclusivo.

Asimesmo para darlle mayor difusión o negocio remitiu unha carta ós armadores europeos dando conta das facilidades cas que contaban as súas instalacions, así como os servicios que ademáis do suministro de carbón podían recibir os vapores (víveres, auga, reparacións, correo, telégrafo…).

Pero a súa visión empresarial non quedaría limitada solo a ría de Corcubión, trala aprobación no ano 1900 da exención de pagos de arancel o carbón mineral e de cok de procedencia extranxeira, constitúe no ano 1902 en unión de varios empresarios entre os que atopamos a D. José de la Viesca e ós señores Aznar e Compañía, unha sociedade para a explotación dun depósito flotante de carbón na bahía de Cádiz. Para ditos menesteres mercaron o casco do antigo cruceiro da armada “Navarra”, o cal modificaron para a súa nova labor. Esta concesión foi solicitada a nome de Alberto Aznar en representación de todos eles, sendo autorizada por real decreto publicado na Gaceta de Madrid no núm. 316 de 12 de novembro de 1901.

No ano 1903 autorizoúselle a división da súa concesión en tres partes, podendo dende dita data contar con tres pontóns para o almacenaxe e suministro de carbón.

No ano 1904 sumouse a súa iniciativa Alberto Aznar y Tutor, (un dos fillos do naviero mais importantes do país, Eudardo Aznar de la Sota), ó que se lle concedeu a instalación de tres depósitos flotantes de carbón na zona comprendida entre a punta de Quenxe e o Castelo do Cardenal. No ano 1911 expandiron o seu radio de acción ó porto de Muros ó serlle concedida a instalación de pontóns en dito porto, aínda que esta concesión no chegou a ter demasiada actividade e máis ben foi feita co fin de evitar que posibles rivales establecesen en dito porto novas instalacións que fixesen fronte o seu negocio na ría de Corcubión.

Trala chegada do “Julia de Amiel” no ano 1894, chegarian logo o Burdeos, Charles, Cawdor, María Luisa, Sorrento e Mayagüez, todos eles antigos veleiros que xa non estaban en activo, aínda que un deles, o Cawdor, trala primeira guerral mundial volvería a ser de novo transformado para poder voltar a navegar.

O periodo comprendido entre o 1894 e o 1914 pódese considerar como o de maior movemento de vapores nas instalación. O comenzo da primeira guerra mundial suporía una disminución nas operacions de carboneo.

No ano 1909 importáronse para os depósitos da Compañía de los Depósitos de Carbón del Cabo Finisterre 18.276 toneladas, das cales 13.284 toneladas foron transportadas por 7 vapores ingleses, 1.978 toneladas por 2 vapores noruegos e 2.014 toneladas por 2 vapores españoles.

As saídas de carbón nese ano ascenderon a 14.941 toneladas quedando distribuidas da seguinte maneira:

8152 toneladas a 137 vapores ingleses, 398 toneladas a 5 vapores austro-húngaros, 380 toneladas a 7 vapores belgas, 576 toneladas a 12 vapores daneses, 478 toneladas a 14 vapores franceses, 306 toneladas a 7 vapores alemáns, 565 toneladas a 9 vapores gregos, 215 toneladas a 6 vapores holandeses, 995 toneladas a 14 vapores italianos, 1973 toneladas a 29 vapores noruegos, 606 toneladas a 11 vapores españoles (facían navegación internacional), 150 toneladas a 2 vapores suecos, 7 toneladas a un vapor serbio, 140 toneladas a 3 vapores uruguayos (bandeira usada na época por armadores nacionais para abaratar costes de explotación).

Neses anos era moi normal ver fondeados na ría catro cinco ou seis vapores esperando o seu turno para tomar carbón, chegando a haber anos con moventos de entre 300 ou 400 vapores extranxeiros, e fácil de imaxinar o que supoñían para a economía da zona estes movementos, tanto polo personal que era necesario para as operacións, como polas necesidades loxisticas que tiñan tanto os barcos como os tripulantes.

Estes movementos levaron consigo que para atender as necesidades dos seus súbditos, se establecesen na vila representacions consulares contándose entre esas, Inglaterra, Noruega, Suecia, Arxentina, Alemania, Grecia……………

Asimesmo consegiu melloras para o beneficio da navegación na ría, conseguindo que se sinalizase correctamente o baixo Carromeiro Chico (ardua tarefa que ata chegar o seu fin tivo que levarse por diante algún que outro vapor), levantou as enfilacións no Carromeiro Vello e na Punta do Pindo para guiar ós vapores na sua entrada na ría con diñeiro do seu peto e logo cedeullas ó Estado. Consegiu tamén que o porto de Corcubión fose declarado de interés xeral de segunda orden, e que a oficina de telégrafos que fora posta en funcionamento no ano 1883 con servicio limitado fose ampliada no ano 1904 a permanente, prestando servicio dende as sete da mañá ata as dez da noite. Loitou igualmente para que se construise un porto acorde ca súa importancia na navegación internacional, xa que o existente solo podía albergar embarcacións de pouco calado. Igualmente no ano 1916 propuxo á Xunta de Defensa Nacional a instalación na ría da futura Base de Submarinos que se pretendía instalar en Galicia.

No ano 1913 foille concedida polo rey de Noruega a Cruz da Orden de San Olaf, en recompensa ós meritorios servicios prestados ós súbditos de dita nacionalidade. Tamén no ano 1918 o Secretario de Estado de Asuntos Exteriores británico manifestáballe o seu aprecio e poñía en valor o papel que desenrolara mentres estivo a cargo do Viceconsulado de dito país.

Cruz da Orden de San Olaf

A finales do ano 1916 vendeu as accións da Compañía de los Depósitos de Carbón del Cabo Finisterre a D. Kendal Park y Park y D. Rómulo Bosch y Alsina (os cales no mes de agosto de dito ano constituirán en Barcelona a Compañía General de Carbones con ámbito de actuación en todo o territorio nacional), tras esta venta Plácido Castro trasladou a súa residencia ó Castelo do Príncipe na Ameixenda, que abandonou no ano 1918 no que fixou a súa residencia en San Sebastián. Co inicio da guerra civil trasladaríase a Niza e no ano 1940 en plena guerra mundial marcharía para Uruguay fixando a sua residencia ca sua filla Hermitas e donde finaría o 20 de xuño de 1945 a idade de 87 anos.

Castelo do Principe

A partir da venta da Compañía de los Depósitos de Carbón del Cabo Finisterre ésta quedou intregrada na Compañía General de Carbones e finalmente foi disolta no ano 1917, pasando os seus activos á segunda, que foi a que mantuvo a actividade ata o ano 1959 en que se pecharon as instalacións de suministro de carbón a vapores na ría e que puxo fín posiblemente a época de maior esplendor da navegación mercantil en Corcubión.

Aquiles Garea Moledo

Publicado na Revista "Nova Ardentía" de Culturmar, no exemplar do ano 2022.

Para mais información sobre os Depósitos Flotantes de Carbón na ría de Corcubión na publicación "Carboneando en Corcubión" editada pola Deputación da Coruña no ano 202







Comentarios

Entradas populares